Hoxe atopei por pura casualidade, en youtube, un vídeo deses que en realidade non é un vídeo: a alguén lle gusta unha canción e colle unha foto do disco e súbea coa música, creando un clip estático dos que tanto abundan pola rede.
A canción que atopei por casualidade escribina eu mesmo, debeu ser polo 98 ou 99, e foi incluida no segundo disco dos Liorna. Daquela estaba eu obsesinado coa música brasileira; con Milton Nascimento, con Chico Buarque, Djavan ou con Caetano Veloso, e non paraba de escoitar os discos de Toninho Horta mentras estudaba guitarra e preparaba as oposicións a profesor de música de secundaria.
O que máis me impresionaba dos brasileiros eran as letras, que de xeito directo, cercano e sensible apareceron como unha guía no medio da noite dun escritor de cancións en crise coma min. Pensei que se o noso país fora en verdade noso, esa sería a nosa música soul.
E menuda música. Os que me deixaron k.o. foron os discos de Zizi Possi, sobre todo un que se chamaba “Sobre todas as coisas”, no que había unha canción para min reveladora: Corsario.
A que atopei por casualidade no youtube naceu do que aprendin daquela marabilla, que en gran parte coñecín grazas ao baixista do grupo, a Benito Miniño. É un valse de aire tradicional con gaita (Alberto Lago), acordeón (Suso Iglesias), percusión tradicional (Carlos e Luis Lago) e voces (Montse Ogando e Begoña David), que aínda que semella non ter nada que ver co Brasil, en realidade débelle todo.
Déixovola aquí. Agora atópolle un millón de defectos, mais eu non podo ser obxectivo.