Da movida dos 80 temos de todo; temos cine, deseño, pintura, música, moita música e tantas outras cousas dunha década que conta, ademáis, con aura de momento seminal e irrepetíbel (en España especialmente e por razóns obvias) que moi poucos tempos adoitan adquirir.

Na música popular o estoupido foi tremendo e os heroes daquela resplandecen aínda con luz propia; Había grupos como Radio Futura, Gabinete Caligari, Os Resentidos, Siniestro Total, El último de la fila, Loquillo y Los Trogloditas, Nacha pop, Golpes Bajos, Mecano…e paralelamente, a consolidación do espíritu indie que viña das illas británicas, dos que selos como Factory ou Rough Trade tuveron aquí réplicas da importancia de Gasa, Dro, Tres Cipreses ou Nuevos Medios, que prantexaron un novo xeito de entender, crear e xestionar a arte popular fóra dos circuitos do mainstream discográfico e mediático.

Así que xa nos anos 90, os 80 eran unha referencia ineludíbel, o gran paradigma e máis que iso: a patria das cancións.  E con ese espíritu alumeou unha especie de segunda movida, coa sala Maravillas de Madrid exercendo de novo Rockola e Elefant records como a nova Dro e o festival de Benicassim (e os que viñeron despois) como decisiva aportación á paisaxe musical.  Eu, que asistira aos 80 como fan fatal, devorador insaciable de fancines, discos e concertos, compartía ese mesmo espíritu con xente como Luis Calvo, ao que coñecín nos albores da fundación do seu selo Elefant e da creación do festival de Benicassim, e ao que non deixo de agradecerlle que me amosara a música estupenda dos Go-betweens, The Pastels ou Paul Kelly and The Messengers.

Los Planetas escribiron unha das mellores páxinas dos 90 co disco Una semana en el motor de un autobús (RCA 1998), do que o xornalista da revista Rockdelux Nando Cruz, vén de publicar unha completa crónica para a editorial Lengua de trapo.  Un making of sen concesións e ao allo que chega para ocupar o oco da intrahistoria de cancións superlativas como Segundo premio, La playa, Laboratorio mágico ou La Copa de Europa, que eu acabo de ler como hai que devorar estes libros.

Advertisements

Nesa foto de Gregorio Soria podedes ver a Montse Santalla e a Luis Calvo, os responsables de Elefant records, unha das compañías discográficas máis interesantes e influíntes do panorama independente.  Comezaron da nada absoluta, coa publicación do fanzine La linea del arco, a finais dos oitenta e, tras dúas décadas de traballo,  podedes atopar no seu catálogo a Le Mans, Los Planetas, Nosoträsh, Beef, Family, La casa azul, Vainica Doble, Los Flechazos, Carlos Berlanga…impresiona, verdade?

O seu éxito é o froito do compromiso, do talento e dun infinito amor pola música.  Mil parabéns (e son poucos) para os dous.

Déixovos De momento abril, video clip de La Bienquerida, a penúltima fichaxe de Elefant, cuxo Romancero, está colleitando as mellores críticas.