Aquí tedes a presentación dun traballo longamente madurado.  Un novo esforzo a prol da concienciación sobre o Transtorno do Espectro do Autismo xunto con Olga Lalín, Esther Medraño, Luz Beloso e Montse Ogando.

Todo isto non sería posible sen a xenerosidade e o apoio de moita xente, grazas perpetuas a todas e a todos.

Tedes toda a información en http://www.hadaesther.com

 

 

 

 

Xa de volta de Santiago, da ponencia que presentamos na I Xornada do Proxecto Abalar os do Audiovisual As Barxas, déixovos como mostra a presentación (con mini video incluído) da miña parte, a que corresponde á parte musical da nosa iniciativa.  Grazas outra vez aos asistentes, por ter elexido a nosa experiencia de entre as tres que simultáneamente estábanse celebrando. Prometemos seguir e seguir e seguir.

Para realizala empreguei Keynote, o software equivalente a Powerpoint de Apple. Se queredes seguila ben recoméndovos que esteades atentos aos cambios de páxina e premades na pausa para non perder detalle.

count on me stroy board 2

Neste curso comezamos no IES As Barxas coas seccións bilingües.  A min, desde que comezara con elas no IES As Bizocas, creo que no 2006, sempre me pareceu interesante participar nun proxecto que ten por obxectivo a aprendizaxe das linguas extranxeiras nun contexto non estrictamente lingüístico, no meu caso coa materia de música en inglés.

Co grupo bilingüe de 2º da ESO tiven como proxecto principal do primeiro trimestre facer un lip dub, unha actividade da que teño falado en moitas ocasións neste mesmo blog e que sempre é recomendable; motivante como poucas, supón un exercizo de coordinación, de traballo en grupo e de interpretación que moi poucas veces teñen os chavales a oportunidade de levar adiante. Así que a seguir teimando.

Para facer o lip dub da canción Count on me, de Bruno Mars, partimos dos intereses do alumnado propoñendo que eles mesmos suxiriran cal era a canción coa que querían traballar.  Os únicos límites estaban na lingua, tiña que ser en inglés polas propias características do grupo, a letra (somos un centro educativo…) e que fora factible, o lip dub é literalmente dobraxe de beizos, hai que cantar para cravar o playback (e insisto niso porque abondan exemplos na rede de videos que se chaman lip dub sen ser tales), e iso é complicado se queres empregar por exemplo un rap ultra rápido.

Cando tivemos a canción, o que, tiñamos que procurar o como e os chavales tiveron que presentar como exercizo de clase un storyboard, no que se describise mediante texto e debuxo toda a acción, mentras que coa miña compañeira de inglés Palmira Calvar traballaban o vocabulario, a pronuncia…  Ao final decidimos facer algo sinxelo e complicado ao mesmo tempo.  Como era para o primeiro trimestre, na época de peor tempo do curso, tiñamos que prantexalo nun espazo cuberto e a mesma aula é sempre o máis cómodo.  Pero que facer na aula?  Procurando inspiración na rede atopei esta marabilla:

Impresionante mais complicado, non?  Para ver de intentar facelo fun directo á aula de plástica a preguntarlle á miña compañeira do AudioVisual As BarxasLuz Beloso, se sabía como podía dividir o plano xeral e claro que o sabía, andivemos fedellando un chisco no Final Cut e xa o que quedaba era poñerse a traballar.  Reducimos os oito planos do video de Fredasterical a catro e aportamos como novedade que entre os nosos podería establecerse algún tipo de acción de cando en vez.

Aquí tedes o resultado, estes chavales das Barxas son uns artistasos!

O pasado sábado 1 de decembro os do AudioVisual As Barxas tivemos a oportunidade de compartir os nosos faceres no espazo da feira galega das industrias culturais, o Culturgal, dentro do bloque temático Ferramentas TIC e multimedia nas aulas, unha visión práctica.  Compartimos escenario con vellos e novos amigos coma Román Landín e Miguel Ángel Alonso Diz, contamos cos compañeiros das Barxas como Vero, Vero PT e Pilo e tivemos a oportunidade de coñecer docentes con iniciativas impresionantes,  das que falaron ali mesmiño.  Entre eles estaban os amigos do CEP Sequelo, de Marín,  e o EEI Monte da Guía, de Teis, co seu Xabarín 18; Manuel González, do IES Concepción Arenal, de O Ferrol, amosando que innovación e creatividade son cousa de tódalas materias, con proxectos como Artistas de 1º A e a súa canle Cliphistoria (1600 subscriptoras-es!!!)…en fin, unha ocasión estupenda para o (re) encontro, a inspiración e a carga de baterías.

Do que aconteceu fixo este video a miña compañeira Luz Beloso, coa que sempre é un pracer traballar.

Ao comezo do curso recibimos os do AudioVisual As Barxas una invitación da Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística para colaborarmos na promoción dunha das súas actividades.  Consistía en facer un video que animase a participar na lectura colectiva e simultánea do poema Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro, planeada para o vindeiro 12 de decembro.  Como a iniciativa parecéunos moi interesante e como ademáis non temos paraxe, decidimos aceptar o reto de abordar ese clásico da literatura galega que, para máis aquel, xa fora obxecto de diferentes aproximacións desde a música ou mesmo desde o humor.

Así que puxémonos a traballar.  Os da música tivemos claro desde o principio que a ese poema con tanta forza dramática, tan comprometido, quizáis facíalle falta un chisco de pementa pop que contribuise a actualizar a mensaxe, sen perder nada do seu sentido, iso si; queríamos renovalo, pero sen deixar de respetar o que di e por que o di.

Nesas cousas da procura da inspiración saíron ben cedo dúas pezas de referencia:  Ma quale idea (o clásico discotequeiro dos 80 de Pino D´Angio) e 911 is a joke, outro clásico dos Public Enemy, un grupo de rap combativo e comprometido como seguramente non hai outro.  Logo foi deixar que a cousa fose fluindo ata que ao final chegamos con dúas versións, (ambas marchosiñas e irónicas, a segunda, cun chisco de sarcasmo) nas que traballamos na aula de música co alumnado de 1º de bacharelato, ao que sumáronse algúns de tercerio da e.s.o. para os coros a os profes Iria Collazo á voz e a guitarra de Luis Camilo, o profe de tecnoloxía das Barxas, famoso entre outras cousas por ter sido integrante dos grandes do metal galego Crazy Cabuxa.

Do traballo feito pola compañeira Luz Beloso e o seu alumnado do obradoiro de Plástica As Barxas, falan por si mesmas as imaxes.  Que os disfrutedes.

A Revista Educación 3.0 vén de outorgar ao proxecto audiovisual que levamos adiante no IES As Barxas o premio 2012 á mellor iniciativa TIC 2012.

O traballo obxecto do premio foi Historias de un cuarto de baño, 6 curtas artelladas pola profe Luz Beloso e o seu alumnado de 4º da ESO, no departamento de plástica.  Os de música contribuímos coa gravación das voces en off e coa canción Yo no soy tu – Eu non son ti, coa que remata a derradeira curta, Cabaret Barxas, (que vos deixo aquí en baixo) que ao final do curso pasado acabou por converterse nun hit made in feito na casa.

Unha aperta moi grande aos chavales, algúns que xa non están no centro e sempre é estupendo atopalos por Moaña e falar con eles, e a todos os compañeiros implicados: Iria ( a que vedes na foto de arriba), Rubén, Fran, Vero, Pilo, Javier…. Así dá gusto!

Unha nova estupenda da blogosfera;   Alto alto como una montaña, é a aportación de Olga Lalín e Esther Medraño ás webs adicadas ao Transtorno do Espectro Autista.  Unha ollada limpa e lúcida deste dentro, con compromiso, sensibilidade e moito talento, como o que tamén amosa a miña compañeira Luz Beloso, autora da ilustración da cabeceira.

Si, xa sei que Olga é ademáis a miña muller e Esther a terapeuta do noso fillo Manuel , e quizáis pensedes que por iso a miña opinión non é moi obxectiva pois ben: estades equivocados.

Moitos parabéns ás 3!

Neste deprimente contexto no que vivimos. Coa sensación e a consciencia de estar nas peores mans, costa abaixo e sen frenos, non deixa de ser un milagre que Luz Beloso e eu, no Audiovisual As Barxas, estemos de volta e moi ilusionados cos novos proxectos de músicas e video clips e pelis, coa máquina xa en marcha.

É bastante probable que un día destes acaben con nós, que esta e quen sabe se novas iniciativas lexislativas acaben por desterrar ás materias artísticas do ensino  Así que mellor pasar, facer coma quen fora impermeable a uns prantexamentos tan equivocados.

Celso Emilio Ferreiro vai cumplir 100 sobre unha cama de loops;  Alicia, no país das marabillas, prepara o baile da non avaliación e Hada Esther tece o futuro dos nenos especiais cun fío de confianza sen fin.

Agora si que vai en serio, xogámonos moito.  Atentos ás súas pantallas.

Mañá é o gran día do audiovisual no IES As Barxas.  Estreamos 8 (8!!!) curtametraxes.  A saber: unha nova entrega de A Muller Lamprea, a heróina particular do noso insti, batalladora incansable contra os prexuízos que atacan a nosa lingua; O agasallo, baseada nunha historia orixinal que Lou Reed convertíu en The gift, unha peza do segundo disco da Velvet Underground, que o alumnado de 1º de Bacharelato adaptou para esta curta na que integramos completamente a arte cinematográfica na aula de música de secundaria, incluída a composición, a interpretación e a gravación da banda sonora a cargo dos chavales de 4º da E.S.O., e Historias dun cuarto de baño, un proxecto da profe Luz Beloso e o seu alumnado de 4º, artellado coma un mosaico composto de 6 curtas onde varios xéneros fíanse arredor diso, dun cuarto de baño. A este proxecto contribuimos desde o obradoiro músicasbarxas gravando e editando voces en off e esta divertida canción, da que vos deixo o video, que pecha o ciclo e que se está a converter no himno semioficial do instituto, cun estribillo que non deixa de ser unha declaración de principios nos beizos dun estudante adolescente machucado polo academicismo e a pseudo-pedagoxía: Eu non sei o que queres: unha estatua, un ser inerte…

Temos gala entón, mañá 20 de xuño, ás 18:00, no salón de actos.  Estades tod@s convidados!