Imaxinade a típica estampa: a quietude da noite, os nenos durmindo (os 3!), o resumo do día, mala televisión… é dicir: a atmosfera perfecta para coller un libro, non? Pois non.  Dun tempo a esta parte a alternativa á mala televisión pode ser: boa televisión!  Dvd mediante, claro.

Un dos primeiros posts deste blog foi adicado a The wire, a impresionante serie de HBO sobre a cidade de Baltimore, Estados Unidos, que eu non me canso de recomendar e da que David Pérez escribiu un artigo para enmarcar no blog de Soncine.  Desta volta, a serie que monopoliza a miña programación particular é Mad men, da que onte mesmo comecei a ver a súa cuarta tempada.

Ambientada na Nova Iorque de finais dos 50 e principios dos 60 do século pasado, cunha empresa de publicidade como escenario principal e escrita para Lionsgate por Matthew Weiner, quen fora tamén guionista de The Sopranos, Mad men é un exercizo de disección das relacións humanas, da sociedade capitalista (na que Balzac dicía que, para sobrevivir, era mellor deixar de lado calquer tipo de vinculación: Un home que se gabe de ter levado unha liña recta na vida é un idiota que cre na infabilidade…) e un retrato visualmente extraordinario dun tempo xa clásico na nosa (curta) memoria.

En versión orixinal sempre, eh?

A películas como O apartamento (The aparment, 1960) un volta e revolta e case sempre por razóns distintas.  As veces nen sequera é preciso un pretexto pois, a que leva o número dezasete na impresionante filmografía de Billy Wilder, ten iso que teñen as grandes obras: semellan un lugar.

Aínda que tocada pola comedia, ao estilo imbatíbel de Wilder, esta é unha película desacougante, na que gañan os bos, mais só despois de seren derrotados e na que se reflicte unha sociedade inxusta (sobre todo coa muller), despótica e cínica, onde a única maneira de ascender na escala social é a sumisión ao poder e o nepotismo.

Cun elenco estratosférico (Jack Lemmon, Shirley MacLaine, Fred MacMurray…) e cun ritmo e posta en escena maxistrais, o universo que descreve O apartamento segue bulindo hoxe en día nunha estupenda serie de televisión, Mad men, onde o protagonista, Donald Draper (Jon Hamm), semella unha evolución dun Jeff D. Sheldrake – o vilán interpretado por MacMurray – cheo de matices.

Alguén dixo que para comezar a gozar do cinema hai que facelo por esta película, pois iso: a gozar.

Para traducir ao castelán ou ao portugués