Alex Táboas, de 2º da E.S.O., presenta agora as súas variacións desplegando poderío e musicalidade; talento, descaro na interpretación e paixón verdadeira, case nada. Como os bos músicos, Alex toca con todo o corpo, sinte e fai sentir.
Integrado dentro da serie Crea clips, do Obradoiro Músicasbarxas, este exercizo non deixa de darnos alegrías. Os de Moaña podedes estar tranquilos, a canteira de estrelas da música non deixa de producir. En breve, máis.
Tempo agora para a aportación de Sebastián Pérez, o segundo alumno en gravar as súas variacións sobre o valse das Bizocas, dentro da serie Crea Clips do Obradoiro Músicasbarxas.
As de Sebastián son as dun chaval sen máis estudos musicais que os recibidos en primaria (exiguos), que ademáis non tivo música en primeiro da secundaria, polo que, na práctica, é case coma se comezara de novo. Por iso hai que darlle todo o valor que merece o seu traballo; catro variacións para frauta de bico, a súa de plástico de dixitación alemana, nas que sorprende, especialmente na segunda, pola súa natural capacidade para deixar que a música respire en todas e en cada unha das notas.
Xa de volta de Santiago, da ponencia que presentamos na I Xornada do Proxecto Abalar os do Audiovisual As Barxas, déixovos como mostra a presentación (con mini video incluído) da miña parte, a que corresponde á parte musical da nosa iniciativa. Grazas outra vez aos asistentes, por ter elexido a nosa experiencia de entre as tres que simultáneamente estábanse celebrando. Prometemos seguir e seguir e seguir.
Para realizala empreguei Keynote, o software equivalente a Powerpoint de Apple. Se queredes seguila ben recoméndovos que esteades atentos aos cambios de páxina e premades na pausa para non perder detalle.
Do meu tempo no IES As Bizocas, no Grove, teño moitos momentos que van quedar xa para min para sempre. Encontros, desencontros, alegrías, tristuras tamén unhas cantas, claro, e chegar e ver o mar de Ons desde a ventá da miña aula. Increíble aquela vista, non coñezo moitas nin a metade de impresionantes.
Nunha mañá desas raras nas que o alumnado estaba de excursión ou así e ti tes unha desas horas libres, collín unha frauta e compuxen un valse de reollo da vista do mar, nun día gris como hai tantos. O Valse das Bizocas, chameille; un sinxelo valse tradicional que agochei nalgures e que deume por empregar agora co alumnado de 2º da ESO das Barxas, en Moaña, para un novo exercizo de composición dentro da serie Crea clips.
O que tedes embaixo é a primeira aportación, a de Hugo Pena, que compuxo nada menos que 5 variacións para piano, nas que xoga coa melodía con verdadeira inspiración. Parabéns Hugo, isto é un 10, sen dúbida!
Se eres profe de música en secundaria e estás procurando unha actividade que integre as TICS na aula, que fomente o traballo colaborativo e achegue ao alumnado á industria da cultura e do espectáculo dun xeito directo e (razoablemente) doado, non lle deas máis voltas: pon un lip dub na túa axenda escolar.
Eu comecei no 2009, no IES As Bizocas, cunha canción dos Heredeiros da Crus, Motosicleta man, e este que vos amoso agora é o último mais non derradeiro. É tanta a demanda de lip dubs por parte dos chavales que a posibilidade de que eu deixe un dos meus grupos sen un sería impensable, un agravio imperdoable.
Coa sección bilingüe (de música en inglés) de 3º da E.S.O., un estupendo grupo embandeirado na efervescencia adolescente, levabamos desde principio de curso planexando un lip dub que se axustase ás súas características. A primeira opción era Call me maybe, de Carly Rae Jepsen, mais fomos perdendo o entusiasmo a medida que pasaba o tempo e a filmación proxectada no patio íase adiando a causa do frío e da chuvia. Foi a miña muller, Olga Lalín, quen me falou de We are golden, de Mika; unha canción supersónica, mestura de Bee Gees, os Queen máis glam e gospel desatado, desas que a un lle fan renovar os votos polo rock and roll e perfecta para o grupo en cuestión.
O demáis aí o tedes. Unha reivindicación da adolescencia por enriba dos tópicos que é, en realidade, unha celebración de estarmos vivos. O paralelismo coa ameaza que as autoridades educativas do estado fan pesar sobre a materia de música no ensino secundario é evidente: We are not what you think we are: We are golden! Non somos o que ti pensas: Somos ouro!
Hoxe foi un deses días especiais, deses días raros nos que os mitos toman corpo a través da voz dalguén que sabe, que os tratou e que os trata de xeito cotián, pois en realidade é un deles. Hoxe foi o día de Philip R. Newell, o enxeñeiro, técnico de son e deseñador de estudios de gravación, mais tamén piloto de hidroavións e aventurerio de alma profundamente artística.
Na hora e media escasa que tivemos desfilaron Queen, Led Zeppelin, Mike Oldfield, Virgin records, os Yamaha NS10, Stravinsky, Prokofiev, Rachmaninov, Handel, Maurice Ravel, Mussorgsky, Shostakovich, a loudness war e a psicoacústica, os cambios na función social da música provocados pola revolución dixital, a crise tremenda da industria discográfica e a esencia mesma da arte do rexistro sonoro.
Mágoa de ter tan pouco tempo, mais queda o feito de que o de hoxe non foi máis cunha primeira toma de contacto. Mr. Newell está a punto de participar nun proxecto didáctico que presentaremos en breve no IES As Barxas. A música é importante. No Doubt!
O pasado sábado 1 de decembro os do AudioVisual As Barxas tivemos a oportunidade de compartir os nosos faceres no espazo da feira galega das industrias culturais, o Culturgal, dentro do bloque temático Ferramentas TIC e multimedia nas aulas, unha visión práctica. Compartimos escenario con vellos e novos amigos coma Román Landín e Miguel Ángel Alonso Diz, contamos cos compañeiros das Barxas como Vero, Vero PT e Pilo e tivemos a oportunidade de coñecer docentes con iniciativas impresionantes, das que falaron ali mesmiño. Entre eles estaban os amigos do CEP Sequelo, de Marín, e o EEI Monte da Guía, de Teis, co seu Xabarín 18; Manuel González, do IES Concepción Arenal, de O Ferrol, amosando que innovación e creatividade son cousa de tódalas materias, con proxectos como Artistas de 1º A e a súa canle Cliphistoria (1600 subscriptoras-es!!!)…en fin, unha ocasión estupenda para o (re) encontro, a inspiración e a carga de baterías.
Do que aconteceu fixo este video a miña compañeira Luz Beloso, coa que sempre é un pracer traballar.
Coa emoción aínda no corpo de ter compartido esta mañá no Culturgal a miña experiencia docente, e coa ilusión renovada pola admiración de ver como en moitos centros fanse traballos impresionantes de implementación das novas tecnoloxías na aula, coa creatividade como punto de arranque, proceso e final tan presente, a un non lle queda outra que insistir, insistir e insistir.
Os que aínda pensan a creatividade como algo difuso, como algo bonito, máis ben propio de proxectos sen peso real sobre a práctica docente do día a día (a dos principios pedagóxicos do século XIX), desconfían dunha ferramenta que, en realidade, é enriquecedora, motivadora e tremendamente eficaz. Como o exercizo que vos deixo neste video, o primeiro dunha serie que hoxe inauguramos no Departamento de música do I.E.S. As Barxas; Crea clips, nos que, a través dos exercizos do noso alumnado, amosamos comprimidiñas, as vantaxes de contarmos coa curiosidade e coa iniciativa dos chavales.
Tratábase de preparar un dueto, sobre unha canción de nenos, Un pececito, e compoñer unha terceira voz, que polas características da obra orixinal só podía ser unha nova voz superior, a protagonista. Despóis de darlles aos rapaces dous ou tres consellos e intentar convencelos de que se deixaran guiar pola súa intuición, chegaron os de segundo da e.s.o. con aportacións moi interesantes, das que aquí tedes este exemplo.
Aproveitando que onte foi o Día internacional da música, o de Santa Icía de toda a vida, os do departamento de música do IES As Barxas preparamos (en realidade foi a miña compañeira Marta Barreiro quen fixo todo o traballo) un acto sinxelo para celebrarmos o feito de ter un alumnado tan musical no instituto e, de paso (e por iso), alertar sobre o perigo que corre o ensino da nosa disciplina á luz do que di e non di o anteproxecto de reforma educativa que ten preparado o actual goberno.
Tal como están as cousas Rubén e Alex, os saxofonistas que tedes no video, vanno ter cada vez máis complicado. Van ter moitas menos horas de música na secundaria obrigatoria e non van ter a posibilidade de compaxinar os seus estudos musicais cos de bacharelato. De chegaren a titular nun conservatorio superior verán como os seu 16 anos!!! de traballo non van ter a mesma consideración legal que os da unha licenciatura normal de, digamos, 4 anos (!).
Quizáis entón, coma tanta e tanta xente, poderán emigrar a un país no que a música se respete, no que a dedicación e o esforzo non sexan máis que palabras baleiras.
Disfrutádeo, que destes videos acabará habendo poucos.
Ao comezo do curso recibimos os do AudioVisual As Barxas una invitación da Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística para colaborarmos na promoción dunha das súas actividades. Consistía en facer un video que animase a participar na lectura colectiva e simultánea do poema Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro, planeada para o vindeiro 12 de decembro. Como a iniciativa parecéunos moi interesante e como ademáis non temos paraxe, decidimos aceptar o reto de abordar ese clásico da literatura galega que, para máis aquel, xa fora obxecto de diferentes aproximacións desde a música ou mesmo desde o humor.
Así que puxémonos a traballar. Os da música tivemos claro desde o principio que a ese poema con tanta forza dramática, tan comprometido, quizáis facíalle falta un chisco de pementa pop que contribuise a actualizar a mensaxe, sen perder nada do seu sentido, iso si; queríamos renovalo, pero sen deixar de respetar o que di e por que o di.
Nesas cousas da procura da inspiración saíron ben cedo dúas pezas de referencia: Ma quale idea (o clásico discotequeiro dos 80 de Pino D´Angio) e 911 is a joke, outro clásico dos Public Enemy, un grupo de rap combativo e comprometido como seguramente non hai outro. Logo foi deixar que a cousa fose fluindo ata que ao final chegamos con dúas versións, (ambas marchosiñas e irónicas, a segunda, cun chisco de sarcasmo) nas que traballamos na aula de música co alumnado de 1º de bacharelato, ao que sumáronse algúns de tercerio da e.s.o. para os coros a os profes Iria Collazo á voz e a guitarra de Luis Camilo, o profe de tecnoloxía das Barxas, famoso entre outras cousas por ter sido integrante dos grandes do metal galego Crazy Cabuxa.
Do traballo feito pola compañeira Luz Beloso e o seu alumnado do obradoiro de Plástica As Barxas, falan por si mesmas as imaxes. Que os disfrutedes.