Coplas para Icía, o segundo disco de Xabier Díaz editado no 2007, supón xa unha referencia á hora de descubrir que é iso de música galega contemporánea.

Para coller a raíz e poñela ben ao aire acompáñase de dous músicos cunha traxectoria tamén impecábel; Suso Iglesias (acordeón) e Pedro Lamas (saxo soprano e gaita).  A raíz así exposta inféctase de jazz e do encontro vai xurdindo algo novo.  Sen artificios, sen unha palabra de máis nen unha nota de menos.  Aquí todo conta, tamén as colaboracións de Guadi Galego e de Iván Costa.

Un disco estupendo dun proxecto do que o mellor aínda está por vir.  Esas cousiñas nótanse.

Advertisements

guadi galego- benzónDándolle un repasiño aos discos de música galega que máis aprecio, dinme conta de que en case todos estaba Guadi Galego. Despois de ter participado en algúns tan estupendos como o segundo de Berrogüetto, o de Nordestinas con Ugía Pedreira e Abe Rábade ou o de Rosalía 21, vén de estrear Benzón, unha marabillosa colección de pezas de composición propia e adaptacións doutras tradicionais onde o (impresionante) conxunto de músic@s implicados certifican a maioría de idade dun xénero (o que voa desde o noso dentro, por dentro e por fóra) e a súa mestría profesional. Sen medo a xogar co jazz (e non podo deixar de lembrar a Romero Lubambo, a Gil Goldstein, a Toninho Horta…), coa música contemporánea (os arranxos de Pablo Pascual ou o arriscado acordeón de Suso Iglesias), sen perder nunca o alento da música tradicional (o canto de arrieiro da pista 8 muta nunha fantasía de percusión por mor de Odaiko), sen baixar  nunca o listón do ceo raso.

Un disco dos que chegan para ficar.