
Onte xuntámonos os membros do xurado desta IIIª edición para elixir os poemas premiados nas dúas categorías do certame, E.S.O. e Bacharelato.
Ao final os premiados son os que seguen:
Categoría de E.S.O. Sinto, de Irene González Novas, do IES As Bizocas.
Categoría Bacharelato: Quen lle roubou a Rosalía? de Rubén Luengo, do IES Monte da Vila.
Parabéns!!!
En principio xa estabamos contentos coa participación récord deste ano (45 orixinais); a apertura do concurso a tódolos centros de ensino secundario do país supuxo un esforzo extra para facer chegar a información a todas partes, para o que non podo deixar de agradecer a colaboración da administrativa do IES As Bizocas, Rosabel Magdalena, e do persoal subalterno, Javier Álvarez e Marta Estévez.
Mais había máis boas novas. O certame apareceu publicado na web do portal educativo da Consellería de Educación e houbo algún instituto que participou facendo do certame unha actividade programada e coordinada desde a Biblioteca e o departamento de Lingua Galega, como foi o caso do IES de Vilalonga.
Foi estupendo ver como aos poucos ían chegando ao noso centro sobres con poemas de todas partes de Galiza. Anima a seguir coa teima, desde logo que si.
Quero tamén agradecer aos outros membros do xurado que este ano presidiu o mestre que leva o nome do concurso, Xosé A. Barral Figueiro; Patricia Arias, profesora de Lingua Galega e Coordinadora do E.D.N.L. do IES As Bizocas, Antón Mascato, concelleiro de cultura do Concello de O Grove e Tito Díaz, profesor de Lingua Galega do IES Monte da Vila.
Agora queda todo o traballo de musicar, arranxar e ensaiar os poemas para que os estree a Orquestra Orff do IES As Bizocas a fin de curso no Festival Música nas túas palabras. Niso estamos.
Para traducir ao castelán ou ao portugués