Do meu tempo no IES As Bizocas, no Grove, teño moitos momentos que van quedar xa para min para sempre.  Encontros, desencontros, alegrías, tristuras tamén unhas cantas, claro, e  chegar e ver o mar de Ons desde a ventá da miña aula. Increíble aquela vista, non coñezo moitas nin a metade de impresionantes.

Nunha mañá desas raras nas que o alumnado estaba de excursión ou así e ti tes unha desas horas libres, collín unha frauta e compuxen un valse de reollo da vista do mar, nun día gris como hai tantos.  O Valse das Bizocas, chameille; un sinxelo valse tradicional  que agochei nalgures e que deume por empregar agora co alumnado de 2º da ESO das Barxas, en Moaña, para un novo exercizo de composición dentro da serie Crea clips.

O que tedes embaixo é a primeira aportación, a de Hugo Pena, que compuxo nada menos que 5 variacións para piano, nas que xoga coa melodía con verdadeira inspiración.  Parabéns Hugo, isto é un 10, sen dúbida!

Da biblioteca do IES As Bizocas de O Grove chega a convocatoria da séptima edición do Certame de poesía Xosé A. Barral, o concurso de ámbito escolar no que os poemas gañadores son musicados pola  Orquestra Orff IES As Bizocas.
Como impulsor no seu día desta iniciativa quero darlle moitos parabéns a Marta Fernández e a Cecilia Iglesias e agradecerlles que tomaran o relevo.

O prazo de presentación de orixinais remata o 15 de abril.  Animádevos a participar!

Do Grove, do IES AS Bizocas, chegoume ao final do curso a mellor noticia posible: a confirmación de que había continuidade para o Certame de poesía Xosé Antón Barral e para o Música nas túas palabras, o festival que o complementa.  Os que seguides o blog xa sabedes que a particularidade dese certame de literatura escolar está en que os poemas gañadores son musicados, co que a unha achega interdisciplinar  sumáse un enfoque de absoluto compromiso coa creatividade.

Agora son Marta Fernández, a responsable da biblioteca, e Cecilia Martínez, a nova profe de músicas das Bizocas, as que manteñen viva unha iniciativa que cumple xa 6 aniños.

Sempre, por estas datas, subía eu á rede os videos dos poemas convertidos en cancións.  Desta volta só podo facerme eco do gañador deste ano: Canto tempo pasou, da miña ex-alumna Marta Díaz e expresar o meu máis profundo agradecemento.

Parabéns!!!

O venres pasado achegueime con Sowel á Casa da Cultura de Boiro, onde tiña lugar a gala de entrega dos premios Olloboi, da que xa vos falei no post anterior.  Iamos por que o video Musicando Arbo, o último que fixen como responsable do proxecto da Orquestra Orff IES As Bizocas, estaba nominado en dúas categorías; ao mellor guión e ao Olloboi escolar.  E gañamos! De entre os 87 traballos presentados ao concurso o xurado considerou que o noso era merecedor do Olloboi 2012 ao mellor guión.

Non teño máis que palabras de agradecemento aos que fixestes posible aquela aventura tan emocionante, á xente do Grove, que a fixo propia desa maneira única que teñen os mecos, e aos organizadores dos premios Olloboi por que a súa é unha iniciativa que parte dos mesmos pretextos.

Non me cansarei de dicilo:  O ensino é unha acción.

Mañá celébrase a gran gala do Audiovisual escolar galego, a entrega dos premios Olloboi 2012.

Foi no 2008 cando un grupo de profes transformou á súa sensibilidade pola imaxe nunha iniciativa da que primeiro saíu o grupo Rodaxe e deste o Festival Audiovisual Olloboi, orientado nun principio ás producións do ámbito escolar.

En total presentáronse nesta edición 87 traballos dos que fai pouco soubemos os finalistas.  Entre eles Musicando Arbo, o docu-video clip que ao fin do curso pasado realicei como escolma de todo o traballo desenvolvido cos chavales do IES As Bizocas de O Grove (o certame de poesía Xosé A. Barral, do que xa hai fallo da sexta edición, e a Orquestra Orff IES As Bizocas), nominado para o premio ao mellor guión e para o Olloboi escolar.

Parabéns aos organizadores e moita sorte a todos os finalistas. Será ás 21:00h na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro.  Unha ocasión para non perder.

Do V festival Música nas túas palabras, e do traballo de musicar os poemas gañadores da edición deste curso do Certame de poesía Xosé A. Barral vai quedar, polo de agora, este video; un documental que remata en video clip, que é un pouco o comezo da miña despedida do I.E.S. As Bizocas, despois de 7 anos imposibles de esquecer.

Parabéns coma sempre, e moi especialmente, a un alumnado entusiasta, traballador e entregado.

 

 

Atención que estes son os premiados nesta edición:

Na categoría de E.S.O.: Arbo, de Carmen Torres Besada, alumna de 2º da E.S.O. do I.E.S. As Bizocas, a que vedes na foto de arriba, nun ensaio coa Orquestra Orff I.E.S. As Bizocas, da que é membro desde comezos do curso 2010-2011.  O seu poema, feito de imaxes e sentidos, é un canto ás marabillas dun día calquera.

Na categoría de Bacharelato:  Odisea última entre mantas de flanela, de Ismael Ramos Castelo, do I.E.S. Virxe do mar, de Noia (A Coruña).  Ismael presentou dous poemas a concurso, este e Monólogo de nota detida. Dous estralos nos que habitan viveiros de metáforas e territorios por explorar: naufraxios de lavadora, mans engurradas de vestixios, mares enteiros debaixo da cama… Non vos fiedes desa cara de bo rapaz, este poeta évos dos que son francotiradores!

Parabéns aos dous!!!

Un ano máis cómpre dar as grazas a todas e a todos os participantes. E a todas e a todos os que contribuides dunha maneira ou doutra a que este certame se consolide e vaia indo a máis con cada convocatoria.

Hoxe tocaba abrir os sobres cos poemas aspirantes ao V Certame de poesía Xosé A. Barral.  E un ano máis comprobamos que chegaron de todas partes; de Nigrán, da Rúa, moitos de Maceda e de Chapela, de Noia, de Vigo, e os de Vilalonga que nunca fallan!  Grazas Elisa! E grazas tamén a cantos compartides a teima dun ensino activo e participativo.

Teño na miña mesa versos e versos e historias como a dunha muller que construía castelos de auga e poemas de música reservada e de entregas cristalizadas, de laios adolescentes e ata do barça e o madrid e do Xapón e infartos por desamor, deses, a moreas!

A ler poesía entón.  Un, dous, tres, xa.

No I.E.S. As Bizocas, desde a biblioteca e o departamento de música, temos xa convocada a quinta edición do concurso de poesía no que fundimos letra e música.  As bases indican que a data de recepción de orixinais remata o 29 de abril e a entrega de premios será, coma sempre, no festival Música nas túas palabras.

Grazas a todos os que vindes mostrando o voso interese por esta iniciativa, moitos desde que comezamos, no curso 06-07. En especial desta volta, a Román Landín e a Pilar Ponte Patiño, por acollernos nos seus respectivos (e recomendabilísimos) blogues.

O ensino é unha acción, abofé!

Tamén coñecidas como as Variations sur un air de pendule, trátase dunha das obras de Jos Wuytack que interpretou a O. O. I.E.S. As Bizocas no festival Música nas túas palabras 2010.

A peza está composta de tema, 9 variacións (a modo de suite de danzas) e postludio, en torno á famosa melodía do Big Ben. No video ofrecemos unha escolma.

Parabéns especialísimos unha vez máis ao alumnado do I.E.S. As Bizocas por ser tan boa compaña co seu silenzo respectuoso.

Para traducir ao castelán ou ao portugués