Novo lip dub do Obradoiro Músicasbarxas.  Desta volta a bossa nova  (Joao Gilberto!) e unha fala inventada que imos chamar wachuwei, serve de vehículo a un proxecto que é recreación da (triste) realidade.

Parabéns moitos aos chavales de 4º AB da E.S.O. que mesmo gravaron a súa propia versión, podedes escoita-la nos títulos de crédito, e parabéns tamén ao alumnado doutros cursos que participou voluntariamente nesta divertidísima aventura; Álvaro, Jenni, Iria, Tatiana, Rubén, Álex…

Aí vai!

Alex Táboas, de 2º da E.S.O., presenta agora as súas variacións desplegando poderío e musicalidade; talento, descaro na interpretación e paixón verdadeira, case nada.  Como os bos músicos, Alex toca con todo o corpo, sinte e fai sentir.

Integrado dentro da serie Crea clips, do Obradoiro Músicasbarxas, este exercizo non deixa de darnos alegrías. Os de Moaña podedes estar tranquilos, a canteira de estrelas da música non deixa de producir.  En breve, máis.

Que o disfrutedes!

Tempo agora para a aportación de Sebastián Pérez, o segundo alumno en gravar as súas variacións sobre o valse das Bizocas, dentro da serie Crea Clips do Obradoiro Músicasbarxas.

As de Sebastián son as dun chaval sen máis estudos musicais que os recibidos en primaria (exiguos), que ademáis non tivo música en primeiro da secundaria, polo que, na práctica, é case coma se comezara de novo.  Por iso hai que darlle todo o valor que merece o seu traballo; catro variacións para frauta de bico, a súa de plástico de dixitación alemana, nas que sorprende, especialmente na segunda, pola súa natural capacidade para deixar que a música respire en todas e en cada unha das notas.

Parabéns Sebas, outro dez!

Unha das cousas que reclama o noso alumnado con máis insistencia é presencia na rede.  Os nativos dixitais non teñen o dilema que temos os que non o somos sobre que existencia é máis auténtica, nin prexuízos sobre o plus de verdade do “real”.  Pensan que o real, o relevante, existe ou non con independencia do medio.  O certo é que non hai revolución tecnolóxica sen revolución na maneira de sentir e entender a realidade, e a realidade hoxe é que o interlocutor do noso alumnado, a súa audiencia, existe tamén na rede, co video viral como un dos vehículos máis importantes de interacción.  Os chavales queren ser virais, é dicir, participar en videos divertidos que teñan a maior difusión posible.  O que como docentes ten realmente interese é que poden ser unha ferramenta formidable para gañarmos o seu compromiso, nomeadamente, para fomentar o traballo en equipo, especialmente en aqueles grupos complicadiños.

O que tedes embaixo (un Harlem shake, a última moda entre os chavales) é o primeiro da nova serie do Obradoiro MúsicasbarxasQuero ser viral.

A orixe dos movementos nos que se dividen as sonatas, os concertos e as sinfonías clásico – románticas está nas danzas.  En realidade a música instrumental sempre tivo un fundamento social moi determinando e non foi ata datas moi recentes cando se comezou a escribir música para ser simplemente escoitada.

No Renacemento era usual a interpretación de parellas de danzas de carácter diverso, unha de paso (o passamezzo) xunto a unha de salto (o saltarello).  O exercizo proposto desta volta ao alumnado de 2º E.S.O. era  compoñer unha nova sección contrastante a unha pastorela de orixe francés que, así interpretada, conforma unha peza na que destaca o principio compositivo básico da variedade a través de seccións de ritmo contrastante.

Coa emoción aínda no corpo de ter compartido esta mañá no Culturgal a miña experiencia docente, e coa ilusión renovada pola admiración de ver como en moitos centros fanse traballos impresionantes de implementación das novas tecnoloxías na aula, coa creatividade como punto de arranque, proceso e final tan presente, a un non lle queda outra que insistir, insistir e insistir.

Os que aínda pensan a creatividade como algo difuso,  como algo bonito,  máis ben propio de proxectos sen peso real sobre a práctica docente do día a día (a dos principios pedagóxicos do século XIX), desconfían dunha ferramenta que, en realidade, é enriquecedora, motivadora e tremendamente eficaz.  Como o exercizo que vos deixo neste video, o primeiro dunha serie que hoxe inauguramos no Departamento de música do I.E.S. As Barxas; Crea clips, nos que, a través dos exercizos do noso alumnado, amosamos comprimidiñas, as vantaxes de contarmos coa curiosidade e coa iniciativa dos chavales.

Tratábase de preparar un dueto, sobre unha canción de nenos, Un pececito, e compoñer unha terceira voz, que polas características da obra orixinal só podía ser unha nova voz superior, a protagonista.  Despóis de darlles aos rapaces dous ou tres consellos e intentar convencelos de que se deixaran guiar pola súa intuición, chegaron os de segundo da e.s.o. con aportacións moi interesantes, das que aquí tedes este exemplo.

Aproveitando que onte foi o Día internacional da música, o de Santa Icía de toda a vida, os do departamento de música do IES As Barxas preparamos (en realidade foi a miña compañeira Marta Barreiro quen fixo todo o traballo) un acto sinxelo para celebrarmos o feito de ter un alumnado tan musical no instituto e, de paso (e por iso),  alertar sobre o perigo que corre o ensino da nosa disciplina á luz do que di e non di o anteproxecto de reforma educativa que ten preparado o actual goberno.

Tal como están as cousas Rubén e Alex, os saxofonistas que tedes no video, vanno ter cada vez máis complicado.  Van ter moitas menos horas de música na secundaria obrigatoria e non van ter a posibilidade de compaxinar os seus estudos musicais cos de bacharelato.  De chegaren a titular nun conservatorio superior verán como os seu 16 anos!!! de traballo non van ter a mesma consideración legal que os da unha licenciatura normal de, digamos, 4 anos (!).

Quizáis entón, coma tanta e tanta xente, poderán emigrar a un país no que a música se respete, no que a dedicación e o esforzo non sexan máis que palabras baleiras.

Disfrutádeo,  que destes videos acabará habendo poucos.