Á hora de deseñar un proxecto audiovisual desde pretextos musicais e a través dos medios cos que contamos nunha aula de música de secundaria, pensei en camiñar en sentido inverso ao que o fixera ata o de agora.   Se antes artellaba proxectos que consistían en facer música partindo doutros medios artísiticos (a poesía, sobre todo), agora tratábase de converter en cinema contidos de orixe musical.

Coñecía The gift (O agasallo) a historia que Lou Reed escribira como traballo para a facultade de literatura na que estudaba e que despóis incluíu cun acompañamento instrumental no segundo disco de The Velvet Underground, desde facía xa máis de vinte anos, e considerei que era o material perfecto para comezar un proxecto de integración total do medio audiovisual na miña actividade docente.

Tiñamos que adaptar o guión, do que contabamos cunha edición bilingüe inglés-castelán, ao tempo dos nosos adolescentes e ás súas circunstancias.  Para iso contamos coa profe de galego e responsable de dinamización lingüística do IES As Barxas, Iria Collazo, que revisou cada versión que ía saíndo da aula de 1º de bacharelato.

Tiñamos ademáis que compoñer a banda sonora.  Hai moitas versións de The gift colgadas na rede; a idea de converter en curtametraxe ese texto non resultou ser moi orixinal, e tiñamos que aportar algo novo, non só en canto á historia en si. Así que decidimos prescindir totalmente do instrumental da Velvet e Alejandro Iglesias e Ana Gil, de 4º da ESO, compuxeron unha peza en tres pequenos movementos para instrumental orff, en la menor armónico para darlle un chisquiño de angustia á unha historia tan peculiar.

Lóxicamente todo iso tivemos que ensaialo, rodalo, gravalo, montalo, editalo…co que ningún aspecto da produción cinematográfica foi allea ao noso cometido.  Isto daría mesmo para facer un blog aparte.

O resultado aí o tedes.  Unha aproximación ao cinema coa música como catalizadora da arte total.

O venres pasado achegueime con Sowel á Casa da Cultura de Boiro, onde tiña lugar a gala de entrega dos premios Olloboi, da que xa vos falei no post anterior.  Iamos por que o video Musicando Arbo, o último que fixen como responsable do proxecto da Orquestra Orff IES As Bizocas, estaba nominado en dúas categorías; ao mellor guión e ao Olloboi escolar.  E gañamos! De entre os 87 traballos presentados ao concurso o xurado considerou que o noso era merecedor do Olloboi 2012 ao mellor guión.

Non teño máis que palabras de agradecemento aos que fixestes posible aquela aventura tan emocionante, á xente do Grove, que a fixo propia desa maneira única que teñen os mecos, e aos organizadores dos premios Olloboi por que a súa é unha iniciativa que parte dos mesmos pretextos.

Non me cansarei de dicilo:  O ensino é unha acción.

Os días 4, 5 e 12 de novembro vaise celebrar, na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, a terceira edición das xornadas galegas de ensino musical que organiza Asomúsica, a Asociación de Profesores de Música de Ensino Secundario e Bacharelato de Galicia.

Teremos relatorios, mesas redondas e obradoiros sobre gravación dixital e arranxos de música moderna a cargo de David Barros Alfaro, do I.E..S. Ribeira do Louro e  Santiago Cañás Couselo, do Alfonso X O Sabio, respectivamente e, sobre todo, unha nova oportunidade de xuntarnos e compartir experiencias.

Botádelle un ollo ao tríptico. A inscrición remata o día 4 de novembro, animádevos!

Tamén coñecidas como as Variations sur un air de pendule, trátase dunha das obras de Jos Wuytack que interpretou a O. O. I.E.S. As Bizocas no festival Música nas túas palabras 2010.

A peza está composta de tema, 9 variacións (a modo de suite de danzas) e postludio, en torno á famosa melodía do Big Ben. No video ofrecemos unha escolma.

Parabéns especialísimos unha vez máis ao alumnado do I.E.S. As Bizocas por ser tan boa compaña co seu silenzo respectuoso.

Para traducir ao castelán ou ao portugués

Todo o protagonismo agora para o mural que poñemos en cada edición do Música nas túas palabras.

Menchu, a miña compañeira de plástica no I.E.S. As Bizocas, e o seu alumnado encárganse de que as actividades que acolle o festival teñan a coherencia que só lles pode dar as cores e a intención dun mural tan chulo.  Esa mesma coherencia ademáis foi a que levamos, tamén este ano, ao deseño do cartaz, do programa e das invitacións.

De todo o traballo que desenvolveron na aula de plástica é testemuña este video que vén de editar e subir á rede en colaboración co noso compañeiro de tecnoloxía, César López.

Parabéns aos dous polo gusto (esa canción de Suzanne Vega…) e polo dominio da linguaxe cinematográfica que amosades neste video.  Impresiona.

Aquí tedes, en dúas entregas, o relatorio que ofrecín o pasado 17 de abril durante as II Xornadas galegas do ensino musical.

Agradezo de novo á xente de Asomusica por contar comigo e aos presentes polo complicidade e pola atmosfera tan especial que se creou.

Para traducir ao castelán ou ao portugués

En Porto rematamos a nosa actuación co Bolero de Jos Wuytack que estreamos na pasada edición do festival Música nas túas palabras.

Os rapaces da orquestra amosan nesta obra un impresionante talento natural para facer algo que en música é moi difícil: manter a precisión rítmica mentras se incrementa a dinámica.

Para traducir ao castelán ou ao portugués

Aquí tedes o video desta peza de Jos Wuytack que a Orquestra Orff I.E.S. As Bizocas interpretou, en presenza do compositor belga, no Concerto da primavera celebrado en Porto, o 20 de marzo de 2010.

Non podo deixar de agradecer á Associaçao Wuytack de Pedagogía Musical daquela cidade, en especial a Graça Boal Palheiros, por ternos convidado a participar nesta homenaxe ao mestre Jos no seu 75 aniversario.

Obrigado, professor, pela súa música e pela súa generosidade.

Para traducir ao castelán ou ao portugués

A poucos días estamos xa de que a Orquestra Orff I.E.S. As Bizocas participe no Concerto da Primavera que terá lugar o vindeiro sábado 20 de marzo, ás 18:00 horas -hora portuguesa-, no auditorio do Instituto de Enxeñaría de Porto (Portugal).

Foi no pasado novembro cando recibemos a invitación da Associaçao Wuytack de Pedagogía Musical daquela cidade e desde entón mergullámonos en todo o proceso de preparación do concerto; selección do repertorio, ensaios, darlle perfil aos detalles técnicos e loxísticos da nosa participación…e todo coa axuda inestimábel de  Graça Boal Palheiros.

Total que para alá imos ir os 22 integrantes da orquestra e os máis de 50 acompañantes; nais, pais, irmáns, curmáns, tíos, tías, avós, avoas… O Grove in motion!!!

Por certo: nós imos tocar tres obras de Jos Wuytack:  Suite de danzas españolas, Mini variacións xeográficas sobre Se Canto e Bolero.

Para traducir ao castelán ou ao portugués

A Asociación do Profesorado de Música de Secundaria de Galicia (Asomusica), vén de convocar a segunda edición das súas xornadas dirixidas a tod@s @s que dun xeito ou outro estamos implicados no ensino da música.

O programa esténdese entre o venres 16 e o sábado 17 de abril e inclúe conferencias e mesas redondas sobre aspectos de actualidade como as seccións bilingües ou o proxecto lector na materia de música.

Os actos terán lugar na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela e péchanse coa comunicación, a cargo de quen xa sabedes, Música de xoguete: A Orquestra Orff IES As Bizocas. Vai ser unha oportunidade estupenda para compartir a experiencia da orquestra e todo o que imos achando mentras o proxecto se desenvolve.

Grazas de corazón á directiva de Asomusica por pensar en nós.

O prazo de inscrición remata o 14 de abril, vémonos!!!

Para traducir ao castelán ou ao portugués