Do Grove, do IES AS Bizocas, chegoume ao final do curso a mellor noticia posible: a confirmación de que había continuidade para o Certame de poesía Xosé Antón Barral e para o Música nas túas palabras, o festival que o complementa.  Os que seguides o blog xa sabedes que a particularidade dese certame de literatura escolar está en que os poemas gañadores son musicados, co que a unha achega interdisciplinar  sumáse un enfoque de absoluto compromiso coa creatividade.

Agora son Marta Fernández, a responsable da biblioteca, e Cecilia Martínez, a nova profe de músicas das Bizocas, as que manteñen viva unha iniciativa que cumple xa 6 aniños.

Sempre, por estas datas, subía eu á rede os videos dos poemas convertidos en cancións.  Desta volta só podo facerme eco do gañador deste ano: Canto tempo pasou, da miña ex-alumna Marta Díaz e expresar o meu máis profundo agradecemento.

Parabéns!!!

Á hora de deseñar un proxecto audiovisual desde pretextos musicais e a través dos medios cos que contamos nunha aula de música de secundaria, pensei en camiñar en sentido inverso ao que o fixera ata o de agora.   Se antes artellaba proxectos que consistían en facer música partindo doutros medios artísiticos (a poesía, sobre todo), agora tratábase de converter en cinema contidos de orixe musical.

Coñecía The gift (O agasallo) a historia que Lou Reed escribira como traballo para a facultade de literatura na que estudaba e que despóis incluíu cun acompañamento instrumental no segundo disco de The Velvet Underground, desde facía xa máis de vinte anos, e considerei que era o material perfecto para comezar un proxecto de integración total do medio audiovisual na miña actividade docente.

Tiñamos que adaptar o guión, do que contabamos cunha edición bilingüe inglés-castelán, ao tempo dos nosos adolescentes e ás súas circunstancias.  Para iso contamos coa profe de galego e responsable de dinamización lingüística do IES As Barxas, Iria Collazo, que revisou cada versión que ía saíndo da aula de 1º de bacharelato.

Tiñamos ademáis que compoñer a banda sonora.  Hai moitas versións de The gift colgadas na rede; a idea de converter en curtametraxe ese texto non resultou ser moi orixinal, e tiñamos que aportar algo novo, non só en canto á historia en si. Así que decidimos prescindir totalmente do instrumental da Velvet e Alejandro Iglesias e Ana Gil, de 4º da ESO, compuxeron unha peza en tres pequenos movementos para instrumental orff, en la menor armónico para darlle un chisquiño de angustia á unha historia tan peculiar.

Lóxicamente todo iso tivemos que ensaialo, rodalo, gravalo, montalo, editalo…co que ningún aspecto da produción cinematográfica foi allea ao noso cometido.  Isto daría mesmo para facer un blog aparte.

O resultado aí o tedes.  Unha aproximación ao cinema coa música como catalizadora da arte total.

O venres pasado achegueime con Sowel á Casa da Cultura de Boiro, onde tiña lugar a gala de entrega dos premios Olloboi, da que xa vos falei no post anterior.  Iamos por que o video Musicando Arbo, o último que fixen como responsable do proxecto da Orquestra Orff IES As Bizocas, estaba nominado en dúas categorías; ao mellor guión e ao Olloboi escolar.  E gañamos! De entre os 87 traballos presentados ao concurso o xurado considerou que o noso era merecedor do Olloboi 2012 ao mellor guión.

Non teño máis que palabras de agradecemento aos que fixestes posible aquela aventura tan emocionante, á xente do Grove, que a fixo propia desa maneira única que teñen os mecos, e aos organizadores dos premios Olloboi por que a súa é unha iniciativa que parte dos mesmos pretextos.

Non me cansarei de dicilo:  O ensino é unha acción.

Os días 4, 5 e 12 de novembro vaise celebrar, na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, a terceira edición das xornadas galegas de ensino musical que organiza Asomúsica, a Asociación de Profesores de Música de Ensino Secundario e Bacharelato de Galicia.

Teremos relatorios, mesas redondas e obradoiros sobre gravación dixital e arranxos de música moderna a cargo de David Barros Alfaro, do I.E..S. Ribeira do Louro e  Santiago Cañás Couselo, do Alfonso X O Sabio, respectivamente e, sobre todo, unha nova oportunidade de xuntarnos e compartir experiencias.

Botádelle un ollo ao tríptico. A inscrición remata o día 4 de novembro, animádevos!

Atención que estes son os premiados nesta edición:

Na categoría de E.S.O.: Arbo, de Carmen Torres Besada, alumna de 2º da E.S.O. do I.E.S. As Bizocas, a que vedes na foto de arriba, nun ensaio coa Orquestra Orff I.E.S. As Bizocas, da que é membro desde comezos do curso 2010-2011.  O seu poema, feito de imaxes e sentidos, é un canto ás marabillas dun día calquera.

Na categoría de Bacharelato:  Odisea última entre mantas de flanela, de Ismael Ramos Castelo, do I.E.S. Virxe do mar, de Noia (A Coruña).  Ismael presentou dous poemas a concurso, este e Monólogo de nota detida. Dous estralos nos que habitan viveiros de metáforas e territorios por explorar: naufraxios de lavadora, mans engurradas de vestixios, mares enteiros debaixo da cama… Non vos fiedes desa cara de bo rapaz, este poeta évos dos que son francotiradores!

Parabéns aos dous!!!

Un ano máis cómpre dar as grazas a todas e a todos os participantes. E a todas e a todos os que contribuides dunha maneira ou doutra a que este certame se consolide e vaia indo a máis con cada convocatoria.

No I.E.S. As Bizocas, desde a biblioteca e o departamento de música, temos xa convocada a quinta edición do concurso de poesía no que fundimos letra e música.  As bases indican que a data de recepción de orixinais remata o 29 de abril e a entrega de premios será, coma sempre, no festival Música nas túas palabras.

Grazas a todos os que vindes mostrando o voso interese por esta iniciativa, moitos desde que comezamos, no curso 06-07. En especial desta volta, a Román Landín e a Pilar Ponte Patiño, por acollernos nos seus respectivos (e recomendabilísimos) blogues.

O ensino é unha acción, abofé!

Tamén coñecidas como as Variations sur un air de pendule, trátase dunha das obras de Jos Wuytack que interpretou a O. O. I.E.S. As Bizocas no festival Música nas túas palabras 2010.

A peza está composta de tema, 9 variacións (a modo de suite de danzas) e postludio, en torno á famosa melodía do Big Ben. No video ofrecemos unha escolma.

Parabéns especialísimos unha vez máis ao alumnado do I.E.S. As Bizocas por ser tan boa compaña co seu silenzo respectuoso.

Para traducir ao castelán ou ao portugués

Mañá 22 de xuño, imos celebrar a cuarta edición do festival Música nas túas palabras no que a Orquestra Orff IES As Bizocas vai ter unha nova oportunidade de presentar ante o público o seu repertorio.

Desta volta o programa está repleto das músicas de Jos Wuytack e tampouco vai faltar A lúa parece azul…, o poema gañador do IV Certame de poesía Xosé A. Barral, escrito pola alumna do IES nº1 de A Estrada Minerva Cao Puente.

A cita, ás 20:00 h, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey de O Grove.

Déixovos a invitación, por se vos animades.

Aquí tedes, en dúas entregas, o relatorio que ofrecín o pasado 17 de abril durante as II Xornadas galegas do ensino musical.

Agradezo de novo á xente de Asomusica por contar comigo e aos presentes polo complicidade e pola atmosfera tan especial que se creou.

Para traducir ao castelán ou ao portugués

En Porto rematamos a nosa actuación co Bolero de Jos Wuytack que estreamos na pasada edición do festival Música nas túas palabras.

Os rapaces da orquestra amosan nesta obra un impresionante talento natural para facer algo que en música é moi difícil: manter a precisión rítmica mentras se incrementa a dinámica.

Para traducir ao castelán ou ao portugués