Ao comezo do curso recibimos os do AudioVisual As Barxas una invitación da Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística para colaborarmos na promoción dunha das súas actividades.  Consistía en facer un video que animase a participar na lectura colectiva e simultánea do poema Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro, planeada para o vindeiro 12 de decembro.  Como a iniciativa parecéunos moi interesante e como ademáis non temos paraxe, decidimos aceptar o reto de abordar ese clásico da literatura galega que, para máis aquel, xa fora obxecto de diferentes aproximacións desde a música ou mesmo desde o humor.

Así que puxémonos a traballar.  Os da música tivemos claro desde o principio que a ese poema con tanta forza dramática, tan comprometido, quizáis facíalle falta un chisco de pementa pop que contribuise a actualizar a mensaxe, sen perder nada do seu sentido, iso si; queríamos renovalo, pero sen deixar de respetar o que di e por que o di.

Nesas cousas da procura da inspiración saíron ben cedo dúas pezas de referencia:  Ma quale idea (o clásico discotequeiro dos 80 de Pino D´Angio) e 911 is a joke, outro clásico dos Public Enemy, un grupo de rap combativo e comprometido como seguramente non hai outro.  Logo foi deixar que a cousa fose fluindo ata que ao final chegamos con dúas versións, (ambas marchosiñas e irónicas, a segunda, cun chisco de sarcasmo) nas que traballamos na aula de música co alumnado de 1º de bacharelato, ao que sumáronse algúns de tercerio da e.s.o. para os coros a os profes Iria Collazo á voz e a guitarra de Luis Camilo, o profe de tecnoloxía das Barxas, famoso entre outras cousas por ter sido integrante dos grandes do metal galego Crazy Cabuxa.

Do traballo feito pola compañeira Luz Beloso e o seu alumnado do obradoiro de Plástica As Barxas, falan por si mesmas as imaxes.  Que os disfrutedes.

Do V festival Música nas túas palabras, e do traballo de musicar os poemas gañadores da edición deste curso do Certame de poesía Xosé A. Barral vai quedar, polo de agora, este video; un documental que remata en video clip, que é un pouco o comezo da miña despedida do I.E.S. As Bizocas, despois de 7 anos imposibles de esquecer.

Parabéns coma sempre, e moi especialmente, a un alumnado entusiasta, traballador e entregado.

 

 

Atención que estes son os premiados nesta edición:

Na categoría de E.S.O.: Arbo, de Carmen Torres Besada, alumna de 2º da E.S.O. do I.E.S. As Bizocas, a que vedes na foto de arriba, nun ensaio coa Orquestra Orff I.E.S. As Bizocas, da que é membro desde comezos do curso 2010-2011.  O seu poema, feito de imaxes e sentidos, é un canto ás marabillas dun día calquera.

Na categoría de Bacharelato:  Odisea última entre mantas de flanela, de Ismael Ramos Castelo, do I.E.S. Virxe do mar, de Noia (A Coruña).  Ismael presentou dous poemas a concurso, este e Monólogo de nota detida. Dous estralos nos que habitan viveiros de metáforas e territorios por explorar: naufraxios de lavadora, mans engurradas de vestixios, mares enteiros debaixo da cama… Non vos fiedes desa cara de bo rapaz, este poeta évos dos que son francotiradores!

Parabéns aos dous!!!

Un ano máis cómpre dar as grazas a todas e a todos os participantes. E a todas e a todos os que contribuides dunha maneira ou doutra a que este certame se consolide e vaia indo a máis con cada convocatoria.

Hoxe tocaba abrir os sobres cos poemas aspirantes ao V Certame de poesía Xosé A. Barral.  E un ano máis comprobamos que chegaron de todas partes; de Nigrán, da Rúa, moitos de Maceda e de Chapela, de Noia, de Vigo, e os de Vilalonga que nunca fallan!  Grazas Elisa! E grazas tamén a cantos compartides a teima dun ensino activo e participativo.

Teño na miña mesa versos e versos e historias como a dunha muller que construía castelos de auga e poemas de música reservada e de entregas cristalizadas, de laios adolescentes e ata do barça e o madrid e do Xapón e infartos por desamor, deses, a moreas!

A ler poesía entón.  Un, dous, tres, xa.

Cando no xurado do IIIº Certame de poesía Xosé A. Barral limos os poemas que Rubén Luengo y Miguel del Corral presentara a concurso na categoría de bacharelato, quedamos impresionados; de xeito que, e a pesares da seria competencia que houbera ese ano, eliximos por unanimidade a Quen lle roubou a Rosalía? o poema gañador desa edición, a do 2008.

E o mellor foi que desde entón Rubén ten editados xa, a través de Todogrove edicións, dous poemarios:  Cien de ellas, en castelán, e Do inverno e as paredes, na nosa lingua.  O primeiro, unha recopilación de cantos desde a profundidade da adolescencia, con estralos de feísmo literario (existe tal cousa?) cortándolle o paso aos tópicos que asedian sempre aos escritores novos.  E o segundo, unha fervenza de referencias musicais  (Woodstock, The Beatles…), cinematográficas (Al Pacino, Woody Allen, Look back in anger…) e literarias (Gil de Biedma, Aldonza Lorenzo…), coas que o autor teima en Sonetos desarraigados ou, máis directamente, en Antisonetos, onde hai espazo para todo o que cabe.

No I.E.S. As Bizocas, desde a biblioteca e o departamento de música, temos xa convocada a quinta edición do concurso de poesía no que fundimos letra e música.  As bases indican que a data de recepción de orixinais remata o 29 de abril e a entrega de premios será, coma sempre, no festival Música nas túas palabras.

Grazas a todos os que vindes mostrando o voso interese por esta iniciativa, moitos desde que comezamos, no curso 06-07. En especial desta volta, a Román Landín e a Pilar Ponte Patiño, por acollernos nos seus respectivos (e recomendabilísimos) blogues.

O ensino é unha acción, abofé!

Cando nos puxemos a musicar o poema gañador da edición deste ano do Certame de poesía Xosé A. Barral, démonos conta en seguida de que a cousa non ía ser doada.

Non estaba moi claro onde nos ía levar a forma e as palabras que a autora, Minerva Cao Puente, empregara. Así que probamos moitas cousas.  Eu estiven unha temporada colgado dun pedal de delay estupendo co que intentaba recrear o reflexo da lúa no río do poema…  Compoñentes da Orquestra Orff I.E.S. As Bizocas; Marta Díaz, Beatriz Escribano, Javier Pérez Barral… xuntábanse nos recreos na aula de música para, como dicimos no Grove, darlle vento á cousa.

Xurdiron deses e doutros intentos moitas ideas e ao final saíunos unha adaptación con certa atmósfera jazzística co seu chisquiño de risco.  O poema, agora canción, viaxa a cabalo de 2 tonalidades, si bemol maior e sol maior, para rematar na relativa desta última, mi menor.  É dicir, algo que debería estar prohibido nunha peza tan curtiña.

Eu vos pediría só que lle prestedes atención a unha cousa: ao silenzo.  Case 180 alumnas-os da E.S.O. escoitando unha música completamente descoñecida e allea nun principio ás súas preferencias, en absoluto e respetuoso silenzo.



Para traducir ao castelán ou ao portugués

 

Mañá 22 de xuño, imos celebrar a cuarta edición do festival Música nas túas palabras no que a Orquestra Orff IES As Bizocas vai ter unha nova oportunidade de presentar ante o público o seu repertorio.

Desta volta o programa está repleto das músicas de Jos Wuytack e tampouco vai faltar A lúa parece azul…, o poema gañador do IV Certame de poesía Xosé A. Barral, escrito pola alumna do IES nº1 de A Estrada Minerva Cao Puente.

A cita, ás 20:00 h, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey de O Grove.

Déixovos a invitación, por se vos animades.

Esta mañá tivemos o xurado do Certame de poesía Xosé A. Barral a xuntanza para decidirmos os poemas gañadores desta IV edición.

A mala noticia é que, moi ao noso pesar,  a categoría de bacharelato quedou deserta. A boa é que o poema gañador na categoría da E.S.O. encheunos o olliño a tod@s.  A lúa parece azul, de Minerva Cao Puente, do I.E.S. Nº 1 de A Estrada, engaiolounos como metáfora e realidade sinuosa, non custa descubrir o areal no contorno estraño do poema.

Parabéns Minerva e grazas mil e unha outra vez a tod@s @s que mantedes vivo o certame.

Para traducir ao castelán ou ao portugués

Hoxe, coa axuda do persoal subalterno e administrativo do I.E.S. As Bizocas; de Marta, Rosa e Julio, quedaron preparados os lotes de poemas para enviar aos membros do xurado do IV Certame de poesía Xosé A. Barral, que vaise fallar o 19 deste mes.

Chegaron de Lugo, de Malpica, de Betanzos, da Estrada, de Santiago, moitos de Vilalonga, de Sanxenxo.  En total son 66 os poemas presentados ao concurso, o que supón un novo record de participación e folgos renovados para levar adiante toda a tarefa que queda ata o vindeiro Música nas túas palabras.

Mil e unha grazas a tod@s, e non abondan.

Para traducir ao castelán ou ao portugués