O ceo azulCando Victor A. Castro e máis eu comezamos a producir o libro disco coas pezas de Paco Rivas Traca – Traco: 24 cantigas de nanar, un aloumiño e un arrolo (Cumio, 2015), tivemos claro que a obra tiña que ter unha achega didáctica e que esa achega tiña que estar centrada nos instrumentos propios dunha aula de primaria e secundaria; o instrumental orff.

É por medio dos carrillóns, dos metalófonos, dos xilófonos, da percusión…como unha parte moi importante do alumnado entra en contacto coa práctica da musica, especialmente coa práctica de conxunto. De maneira que, como docente, sempre defendín a creación dun repertorio específico para esas “ferramentas” que caracterizan as aulas de todo o país. Con esa idea creamos a  Orquestra Orff do IES As Bizocas, no Grove, no 2006, e daquel proxecto naceron experiencias e aprendizaxes que agora podedes ver en Traca – Traco, pero tamén daquela nacera un soño, o de mesturar o mundo da música profesional coa que facemos nas aulas, que neste libro é realidade a través das voces de Fuxan os ventos, Montse Ogando ou Lydia Botana.

En total podedes acceder a 13  arranxos orff, imprimir as partes e a partitura de dirección co esforzo dun click e, o máis interesante, adaptalas aos grupos cos que traballades, aportar as vosas ideas e as do voso alumnado para entre tod@s conformarmos o diálogo que alimenta á música.

Captura de pantalla 2015-07-02 a las 1.35.27

Como todos os anos, presentamos nestas datas un video – canción do proxecto audiovisual A canción de Manuel, co que pretendemos axudar a concienciar sobre o Trastorno do espectro do autismo, que afecta ao noso fillo máis vello.

Podedes ver o diario de toda a iniciativa no blog de Alto alto como una montaña.

Moito que facer aínda, moito que aprender.

Desde que ao noso fillo Manuel lle diagnosticaron un trastorno do espectro do autismo, preparamos na casa unha iniciativa a prol da concienciación para o 2 de abril, cita anual a nivel internacional con isto que tanto nos importa.

Aí vai un adianto de “O oito”, o novo video – canción que imos estrear ese día.

😉

O número 9 da revista da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística recolle un artigo asinado pola miña muller Olga Lalín e eu mesmo.  En Facendo visible a diversidade insistimos na necesidade dun ensino público eficaz e de calidade, para o que é precisa unha verdadeira escola inclusiva;  a normalización da diversidade.

Moitas grazas outra vez aos da CGENDL pola oportunidade.

Xa de volta de Santiago, da ponencia que presentamos na I Xornada do Proxecto Abalar os do Audiovisual As Barxas, déixovos como mostra a presentación (con mini video incluído) da miña parte, a que corresponde á parte musical da nosa iniciativa.  Grazas outra vez aos asistentes, por ter elexido a nosa experiencia de entre as tres que simultáneamente estábanse celebrando. Prometemos seguir e seguir e seguir.

Para realizala empreguei Keynote, o software equivalente a Powerpoint de Apple. Se queredes seguila ben recoméndovos que esteades atentos aos cambios de páxina e premades na pausa para non perder detalle.

radio redondela

Seguimos recopilando o feedback recibido por A canción de Manuel, desta volta deixo a entrevista que a xornalista María Jesús Queimaliños me realizou en Radio Redondela, unha oportunidade para compartir e difundir información e a nosa experiencia co autismo do noso fillo, con especial atención á necesaria integración social, nomeadamente no ámbito da educación, e á atención sanitaria especializada que precisan as persoas como Manuel.

Moitas grazas pola oportunidade!

 

 

a canción de Manuel tvgTempo haberá para recapitular todo o feedback que un ano máis estamos recibindo a resultas de A canción de Manuel, un proxecto de concienciación do Transtorno do espectro autista, que a través do audiovisual levamos adiante a miña muller e máis eu, do que vos veño falando nos últimos días.

De entre as publicacións e entrevistas que estamos realizando deixamos agora a presentación que o mesmiño telexornal da televisión pública galega fixo na edición de hoxe.

Premendo na imaxe accededes ao video.  Aí andamos.

manuel, pablo e rubén durán lalín

Onte cumpríronse xusto 5 anos da publicación da primeira entrada deste blog.  Visto en perspectiva semella que foi antes de todo.  Daquela estaba en marcha a todo trapo o proxecto da Orquestra Orff IES As Bizocas e o certame de poesía Xosé A. Barral, que este ano convoca xa a súa sétima edición da man dos actuais responsables da biblioteca e do departamento de música do IES As Bizocas de O Grove.  A iniciativa evolucionou xa daquela hacia a esfera do audiovisual escolar e iso confírelle agora ao meu traballo cos chavales de secundaria unha dimensión máis ampla.

Tanto no IES As Bizocas como agora, no IES AS Barxas de Moaña, a intención é a mesma: procurar a innovación teimando nun novo paradigma educativo que deixe de lado as prácticas decimonónicas que aínda seguen conformando unha grande parte da experiencia docente. Trátase de aprender pero de aprender facendo.  Dar o salto da pura transmisión da información á experiencia, á adquisición dun coñecemento que ademáis de significativo debe estar conectado coa realidade e inmerso no contexto no que ten lugar.

Con todo o más importante que aconteceu na miña vida nestes 5 anos foi o nacemento dos meus fillos Manuel, Pablo e Rubén. O autismo do primeiro supuxo para a miña muller Olga Lalín e para min un antes e un despóis que a mesma vida axuda a asimilar, día a día.  Un antes e un despóis, semella doado dicilo.  Antes eu tiña un motor, agora teño catro!

Lumeeeeeeee!!!

Cando Iria Collazo, profe de galego no IES As Barxas e colaboradora habitual como letrista e vocalista no Obradoiro Músicasbarxas, quedou en estado, un grupo de alumnas de primeiro de bacharelato, con Jenni Cancelas ao frente, achegóuse á aula de música para ver a posibilidade de facerlle unha nana e darlla de agasalllo cando nacera o bebé.

Sen presa pero sen pausa puxémonos á tarefa e o resultado aí embaixo o tedes; un traballo dentro da serie Crea clips no que, a partir dunha composición do profesor, o alumnado tivo a posibilidade de experimentar unha vez máis coas técnicas de producción de audio, entendidas coma un proceso creativo que acompaña ao estricto feito compositivo.

Especial atención requeriu o emprego de dúas ferramentas que para min están resultando moi socorridas últimamente: o Line6 dl4 delay modeler e o Electro Harmonix smallstone.

Benvida Niara e parabéns familia!

Se eres profe de música en secundaria e estás procurando unha actividade que integre as TICS na aula, que fomente o traballo colaborativo e achegue ao alumnado á industria da cultura e do espectáculo dun xeito directo e (razoablemente) doado, non lle deas máis voltas: pon un lip dub na túa axenda escolar.

Eu comecei no 2009, no IES As Bizocas, cunha canción dos Heredeiros da Crus, Motosicleta man, e este que vos amoso agora é o último mais non derradeiro.  É tanta a demanda de lip dubs por parte dos chavales que a posibilidade de que eu deixe un dos meus grupos sen un sería impensable, un agravio imperdoable.

Coa sección bilingüe (de música en inglés) de 3º da E.S.O., un estupendo grupo embandeirado na efervescencia adolescente, levabamos desde principio de curso planexando un lip dub que se axustase ás súas características.  A primeira opción era Call me maybe, de Carly Rae Jepsen, mais fomos perdendo o entusiasmo a medida que pasaba o tempo e a filmación proxectada no patio íase adiando a causa do frío e da chuvia.  Foi a miña muller, Olga Lalín, quen me falou de We are golden, de Mika; unha canción supersónica, mestura de Bee Gees, os Queen máis glam e gospel desatado, desas que a un lle fan renovar os votos polo rock and roll e perfecta para o grupo en cuestión.

O demáis aí o tedes.  Unha reivindicación da adolescencia por enriba dos tópicos que é, en realidade, unha celebración de estarmos vivos.  O paralelismo coa ameaza que as autoridades educativas do estado fan pesar sobre a materia de música no ensino secundario é evidente:  We are not what you think we are: We are golden!  Non somos o que ti pensas:  Somos ouro!