Seguen as marabillas no ensino galego:  Mañá, no I.E.S. de Porto do Son (berce de iniciativas referenciais como Soncine), celébrase este verdadeiro acontecemento, no que se van incluir talleres, relatorios, presentacións de actividades e encontros cos profesionais do medio audiovisual.

Esta acción de ensino total (esta é a escola que aprende da que falan os manuais de xestión pedagóxica) propón ademáis liñas de traballo en común e suma de esforzos, entre os que se aprecia unha páxina de Netvibes que se alimenta coas canles de video dos centros galegos, entre eles, o da Orquestra Orff I.E.S. As Bizocas.

Desta non chegan os parabéns.

Déixovos como mostra a recente aportación deste divertidísimo lip dub, realizado pola profe de música Ilda Luaces co seu alumnado do I.E.S. Carlos Casares de Viana do Bolo.  A excusa: “I love rock and roll” , o clásico dos ´70 con  Joan Jett and the Blackhearts.

O movemento demóstrase (tamén) rodando.

Hoxe, porque viña a conta, na hora de titoría con 3A, proxectamos Nico, a curtametraxe que a equipa de Soncine, do IES de Porto do Son, producíu no 2006.  Remítovos á entrada que publiquei sobre esa iniciativa en maio pasado.

Cómpre revisitar á xente de Soncine para agradecerlles a experiencia estupenda que vivimos esta mañá; a aula a escuras, a chavalada en silenzo, atenta, consciente de estarse vendo nun retrato lúcido, sen concesións e respectuoso ao mesmo tempo.  Cine do bo, feito por alumnado adolescente que axudaba a outros adolescentes a entenderse, posibilitando un feito de honesto e auténtico ensino.  E na derradeira hora do venres!

Para traducir ao castelán ou ao portugués

A través de Román Landín souben de SonCine, iniciativa que desde o 2006 introduce o audiovisual no IES de Porto do Son, poñendo en valor a capacidade creativa do alumnado e o compromiso dun grupo de docentes entusiasmados coa idea de aproveitar as oportunidades que están ao noso alcance grazas as novas tecnoloxías.

SonCine está coordinado polo profe David Pérez, que conta ademáis coa colaboración de profesionais coma Manuel Oliveira “Pico” ou Víctor Fábregas, coñecidísimo no noso país como un dos Tonechos, e lévase adiante integramente en lingua galega. Si, na nosa lingua tamén se poden levar adiante proxectos dun alto nivel tecnolóxico.

Coa curtametraxe Nico, acadaron o Premio á innovación educativa da Xunta de Galicia e a TVG mercoulles os dereitos de emisión, cos cartos invertiron  nun equipo de produción mínimo que se alimenta das horas e horas que @s implicad@s meten nun proxecto que anima a seguir coa teima de que o ensino é a principal forza transformadora dun país, deste ou de calqueroutro.

Déixovos coa curta Mar.  A historia dun profesor atrapado pola traxedia, a historia dunha alumna (olliño con Antía Maneiro…) no seu último día de clase.

Parabéns ao IES do Porto do Son, menudo luxo!

[Vimeo 8107901]