Máis dos Beatles.  Desta volta con El sonido de los Beatles (Indicios 2011), un libro especialmente revelador sobre os catro de Liverpool, centrado nas súas aventuras nos estudios de gravación a través do que foi o seu enxeñeiro de cabeceira, Geoff Emerick, que con só 15 anos entrou a traballar como asistente nos estudios Abbey Road, en Londres, para chegar a ser, apenas cinco anos despois, o máximo responsable da gravación do mítico album Sgt. Pepper´s Lonely Hearts Club Band.

Aínda que o vas disfrutar especialmente se tes que ver de maneira directa coa música, esta é unha obra que aporta máis sobre a forma de traballar dos Beatles e sobre a relación que existía entre Paul, John, George e Ringo, e entre eles e o mundo, que a maioría de biografías que tiven a oportunidade de ler e é ademáis unha testemuña moi valiosa sobre unha arte, a de facer realidade cos medios técnicos dispoñibles a intención artística, ferida de morte pola actual crise da industria discográfica.

Advertisements

Iníciase con esta película unha nova sección no blog, adicada ao cinema musical e, en xeral, ao cinema coa música como contexto ou como pretexto.

Backbeat (1994), de Ian Softley, retrata os inicios de The Beatles na súa etapa na cidade alemana de Hamburgo, onde aprenderon o oficio a base de pura necesidade: obrigados a extenuantes xornadas de non stop rock and roll (hai fotos na rede onde se poden ver aos 5, daquela, beatles esgotados, tocando sentados nos amplificadores), diseccionaron o repertorio dos pioneiros do rock ata dominalo de arriba a baixo.

Aínda que en toda a película non soa ningunha das composicións de Lennon e McCartney, a música é interesante na medida que pretende rescatar a esencia aínda sen domar pola industria dos de Liverpool, unha especie de protopunk que na banda sonora orixinal se encargaron de recrear destacados músicos dos noventa como Thurston Moore, de Sonic Youth, Mike Mills, de R.E.M., ou Dave Grohl, de Nirvana.

Con todo, o resultado non é dos de botar foguetes.  O guión céntrase na relación entre John Lennon e o seu amigo, o pintor e baixista accidental Stu Sutcliffe, e o triángulo amoroso entre estes e a fotógrafa alemana Astrid Kirchherr, historia que, con toda a súa carga dramática, sostense polos pelos, seguramente por culpa duns personaxes planos e maltratados por momentos; John Lennon é un palurdo insensible, Paul McCartney…pobriño Paul McCartney.

Recomendable como introdución á chegada a Europa do rock and roll, para 4º da ESO e para Bacharelato, que só se lles ocorreou aos Beatles facerse profesionais no Reeperbahn, entre mariñeiros e soldados bébedos, compartindo escenario con strippers.

…Ben, non tan épicas pois o que Philip Norman consegue en Shout! The true story of The Beatles, é achegarnos ao fenómeno sen que perdamos en ningún momento a perspectiva de que, con todo, George, Paul, Ringo e John sempre foron catro rapaces de clase obreira abraiados pola forza irresistíbel dunhas cancións que, pouquiño a pouco, foron aprendendo a escribir ata chegar ás que todos coñecemos.

Centrado máis nas súas vidas e no que a súa música provocaba que na música en si, Shout! fala dos sesenta coa suficiente carga de nostalxia como para manter o seu halo mítico, mais coa distancia suficiente, de maneira que temos todas as pezas do puzzle.  Primeiro aos Curnard Yanks, os camareiros que traballaban nos grandes barcos que cubrían as liñas transatlánticas levando, de volta dos Estados Unidos, os discos do rock primixenio a Liverpool, temos o Reeperbahn e o Mersey beat, temos o Swinging London acollendo coma deuses a uns rapaces descrentes da súa sorte, e ao final, e isto é algo que os libros sobre músicos célebres non sempre conseguen, temos persoas.  Supoño que é por iso polo que disfrutei tanto lendoo.

Eu tiña un amigo que dicía que Mozart nunca falla, porque é coma os Beatles.  A min paréceme que Mozart é máis ben coma Joni Mitchell.

Nacida en Alberta, Canada, en 1943, esta perfecta descoñecida para o gran público é a autora dunha das coleccións de cancións máis valiosas e influíntes da música popular.  Hoxe escoitei Blue, o seu cuarto disco, editado en xuño de 1971.  Nel Joni toca a guitarra, o piano e o dulcemel dos Apalaches (!) e acompáñanna, entre outros, Stephen Stills e James Taylor.  As cancións falan de amor, da paz que faltaba (Vietnam) e das viaxes iniciáticas que non fan máis que alimenta-la morriña nun tempo no que ela mesmo confesaba sentirse coma o envoltorio de celofán dun paquete de cigarros.

Dicía ao principio que Mozart é máis ben coma Joni Mitchell porque ámbolos dous comparten o alento melódico, eses arcos infinitos nos que voan as palabras.