En todas as grandes traxedias agóchanse paradoxos que, coma bromas macabras, están aí para acordarnos que nada do que acontece é inevitable.  A contradicción que se agocha na Primeira Guerra Mundial (a Gran Guerra de 1914,  o acontecemento co que de verdade se inicia o brillante e terrorífico século XX), évos das importantes: 8 millóns de persoas pereceron polo asasinato de dúas.

En La Gran Guerra y la memoria moderna, Turner 2006, Paul Fussell conta aquela carnicería desde a literatura que se producíu desde dentro e desde as marxes ( e lembro agora outro libro que intenta explicar o inexplicable a través da literatura; a deriva xenocida do pobo alemán tan ben descrita por Rosa Sala Rose en El misterioso caso alemán, Alba 2007).  Nas súas páxinas, centradas sobre todo na obra de Robert Graves, Sigfried Sassoon e Edmund Blunden, atopamos o horror das trincheiras e o das grandes ofensivas suicidas, a desaparición dunha xeración enteira de mozos que, fartos de morrer polas grandes palabras, acabaron por procurar acougo na ironía e no “relativismo” (así, entre comiñas, aquilo que cuestiona os dogmas do pensamento reaccionario, é dicir: un recurso do instinto de supervivencia da humanidade, como especie).

Daquel mundo tan moderno e tan antigo ao mesmo tempo, coa literatura como único sustento da fame intelectual de tantos mozos, nun tempo sen apenas cinema, sen apenas música para levar, recibimos a visita  da metralladora, do aramado e da lama, para que non esquezamos (e así comprendamos un pouco máis os por ques de hoxe) que “a ansiedade sen fin, sen propósito, sen recompensa e sen significado técese na fábrica da vida contemporánea”.

Advertisements

The Spirit level, de Richard Wilkinson e Kate Pickett (Penguin books) ou Desigualdad, un análisis de la (in)felicidad colectiva (Turner), na versión en castelán, é un libro dos que se din imprescindíbels.

Se sempre pensache que a inxustiza social é un problema a combatir, aquí tes a proba científica de que os países con maior desigualdade (entre os máis desenvolvidos) son os que presentan peores resultados en todo: en saúde física e mental, en consumo de drogas, en índices de fracaso escolar, en porcentaxe de poboación reclusa, obesidade, mobilidade social, mortalidade infantil…en todos e cada un dos aspectos que consideramos cruciais á hora de identificar unha sociedade na que pagaría a pena vivir.

Con capítulos esclarecedores sobre as tendencias vitais da xente de hoxe en día (como se entende a actual hiperinflación da autoestima nun contexto de verdadeira epidemia de depresión e ansiedade?), sobre como sofre o eu social dos máis desfavorecidos a amenaza do estereotipo, sobre a importancia das relacións sociais na estabilidade emocional, sobre o inútil que é (en materia de benestar persoal e colectivo) a procura descontrolada dun maior salario e/ou dun maior beneficio, sobre a necesidade de establecermos espazos de economía non monetaria e un estupendo no que os autores pregúntanse ata que punto é inevitábel que os humanos tendamos a establecer estruturas xerárquicas.

Dos estudos e evidencias reflectidas neste libro hai unha web que, ademáis, chama á acción nun exercizo pouco frecuente de constatación, denuncia e proposta.

Para traducir ao castelán ou ao portugués