Noqueados, coa boca aberta estabamos xa aos 15 segundos (!) de Art of Almost, a canción que abriu o concerto que os Wilco deron onte no Auditorio Beiramar de Vigo.  Unha marabilla. Unha banda en forma, presentando un bo disco, The Whole love, e segura de si mesma ata o punto de poñer por diante todo o catálogo: rock de raíz, pop de moitos quilates, kraut, noise, rhythm and blues e country nun envoltorio de electricidade salvaxe como banda sonora e metáfora definitiva dos tempos modernos.  Pois esa é a aportación máis orixinal dos Wilco, actualizan a tradición mediante unha linguaxe que lles é xa propia, a un tempo homenaxe e parodia das maneiras e mesmo dos tics do rock and roll: Como cando someten ao público a unha interminable serie de breaks de batería (secundados por todo quisque berrando ROCKIN´!), que se ao principio semellaba un acto de comunión roqueira (en plan U2), remataba, ao Rockin´ número vintetantos, cunha pregunta flotando no ambiente (Isto é medio de coña, non?).  Pois eu penso que efectivamente.

Eu, que ao final do concerto estaba medio mareado polo espectáculo e pola impresionante colección de guitarras desplegadas polo grupo (puiden contar tres Jazzmasters, tres Telecasters, dúas Sgs cunha pinta vintage estupenda, Danelectros simpatiquísimas, mesmo unha de dobre mástil, entre as moitas marcianadas que exhibiu Nels Cline, o guitarra solista….Martins por un tubo, buffff), fun para casa coa sensación de que os Wilco se subiran esa noite ao escenario para tocar as súas cancións e, de paso, lembrarnos as razóns que levaron ao rock and roll das profundidades da música popular dos Estados Unidos á conquista do mundo.

Unha bomba.

Manifesto