De esquerda a dereita, a Orquestra Orff do IES As Bizocas máis Pablo Bernárdez Mato -o primeiro pola dereita dos sentados arriba-, o profe de música do CEIP As Vizocas que colaborou xenerosamente coa súa zanfona.

Gosto moito desta foto porque fala de cada un, de cada unha e do ben que o pasamos.  Ese foi o día do primeiro concerto da segunda edición do festival Música nas túas palabras, na Casa da Cultura de San Vicente de O Grove, o xoves 19 de xuño.

Nalgúns casos si que se cumple iso de que a cara é o espello da alma.  Mellor habería que dicir que este é o retrato colectivo dun momento e dun empeño.  Vexo ao fondo a Lissett en plan pose, a Sara como reclamándolle algo ao obxectivo, a Irene coa súa reserva de pensamento no ollar, entre ela e Claudia a imaxe esquiva de Álvaro,  Rodrigo semella xogar co cabaliño de xoguete, aínda que o que en realidade está facendo é completar a composición tanto formal como narrativamente (e o mellor é que el é absolutamente consciente diso), Daniel coa súa inseparable frauta tenor…e os de arriba?  Mirade a Cristian, o segundo pola esquerda, semella dicir: por fin, estou na orquestra!

Se queredes saber o que tocamos e con que medios podedes baixarvos o programa.

Cómo nos saíu? Quedamos máis contentos o segundo día, no concerto para o instituto estabamos máis relaxados e cun día máis de experiencia.  Houbo momentos en que ata nos permitimos facer música.  Non sei se me explico.

Esta experiencia orff está resultando moi gratificante e o feito de que unha simple idea cale na xente e acabe por ser parte da súa vida non deixa de parecerme un miragre.

Grazas

Para traducir ao castelán ou ao portugués