manuel camaraTivemos dúbidas este ano sobre que canción empregar para axudar a concienciar sobre o trastorno do espectro do autismo, que ten o noso fillo Manuel.

Primeiro pensamos nunha canción expansiva, desas de retrouso, como A casa dos avións, pero eu non tiña unha boa idea para facer o video.  Si a tiña (ou iso pensaba) para Son o teu medo, unha peza de música amable e texto duro, que tamén vai ir incluída en Azul, o disco que escribín xunto coa miña muller sobre o autismo, no que sigo traballando, agora coa compañía de músicos como Aleixo Jablonski e Franc Gorriz, Montse Ogando e Victor A. Castro; a banda coa que imos presentalo en directo.

Son o teu medo fala sobre o que sintes ao pouco de recibir o diagnóstico, cando pasas meses cunha punzada no peito, literalmente, e eres máis consciente que nunca da túa propia mortalidade, e pensas en que vai pasar cando ti non esteas para protexer e coidar ao teu fillo con autismo.

A idea para o video consistía en empregar unha cámara que Manuel poidese levar e achegarmos á realidade que só é visible a través del.   Unha realidade que só é completa coa aportación das persoas con diversidade funcional.